Contos de medo: 2º ciclo ESO – 1º Premio

Antón Pérez Vázquez

Sería un xogo …
 

Aquel día Nuno e os seus amigos falaban no recreo sobre que facer na noite do Samaín. Quedaba só un día e aínda non tomaran ningunha decisión.
Xa que non damos decidido que facer, polo menos podiamos ir escollendo onde quedar. Parécevos? – Dixo Xoán.
Axiña Xurxo propuxo:
– Podemos quedar na miña casa. Meus pais non están e temos todo para nós os catro.
Os seus tres amigos asentiron coa cabeza, pero Nicolás que era o máis medica dixo:
– A min paréceme boa idea, pero non quero facer o mesmo de sempre, ver películas de terror. Teño medo despois e non durmo ben o resto da noite.
Ao dicir isto Xoán, soltou unha gargallada e respondeulle:
– Está ben… pero entón que facemos para que sexa unha noite extremadamente terrorífica?
A ningún dos catro se lle ocorría que facer, ata que Nuno falou:
– Xa o teño! Podemos xogar a un xogo que me trouxeron meu tíos de Estados Unidos chamado Ouija. Seica é como se che contase historias de espíritos ou cousas así.
Ningún deles oíra falar antes daquilo, pero a falta doutra idea mellor aceptaron a proposta de Nuno. O timbre de final do recreo chamábaos para volver a clase, así que cada un foi para a súa mentres Xurxo lles lembraba:
– Mañán ás 7 na miña casa!
A tarde do 31 de outubro, antes de marchar cara a casa de Xurxo, Nuno subiu ao faiado e leu paseniñamente as instrucións do xogo para logo poderllas explicar aos seus colegas.
Faltaban tres minutos para as sete e os catro amigos xa estaban xuntos na casa de Xurxo. Tiñan ata ás doce para xogar a Ouija, a esa hora os pais de Xurxo volvían da cea na casa duns amigos e os pais dos outros tres pasaban a recollelos.
Seguindo as instrucións comezaron a preparar todo o que traía a caixa, e mentres o facían e tomaban unhas lambonadas, Nuno explicoulles como se xogaba e puxo o taboleiro enriba da mesa para que todos puxesen as súas mans sobre el. Nicolás foi o primeiro en facerlle unha pregunta á Ouija:
– Sacarei boas notas neste curso?
A resposta marcou un “si”.
Logo foi Nuno quen preguntou:
– Casarei co amor da miña vida?
O xogo tardou un pouco en responder, pero desta volta foi “non”.
A seguinte quenda foi para Xoán que, como era o máis atrevido, dixo:
– Dos que estamos aquí vai morrer alguén pronto?
A frecha que se movía polas letras do taboleiro fíxose esperar un bo cacho desta vez, pero ao final dixo…”si”
Nun primeiro momento ningún dos catro foi quen de artellar palabra. Aquilo parecía xa non ser un xogo tan inocente. De súpeto, os catro amigos soltaron á vez a mesma pregunta para a frecha:
– Quen?
Non pasaron máis de cinco segundos, pero para todos eles a espera pola resposta parecía non ter fin, semellaba eterna… Pouco a pouco a frecha comezou a ir de letra en letra. Primeiro o “e”, logo o “s”, daquel pasou ao “c”, e así ata que formou a palabra “escudo”.
Os catro repetiron ao unísono o que acababan de ver no taboleiro. Ningún era capaz de entender o que quería dicir aquela palabra. Do temor que sentiron nun primeiro momento foron pasando a certo alivio porque ningún deles se sentía sinalado por ela. Esqueceron o medo a morrer. Aínda así decidiron deixar o xogo e puxéronse a falar das súas cousas ata que chegou a hora de marchar.
De camiño á casa no coche Nuno ía pensativo e preocupado. Ás preguntas que lle facía seu pai respondía con monosílabos. Algo no seu interior lle dicía que tiña que desfacerse daquel xogo canto antes e a palabra escudo repetíase unha e outra vez no seu pensamento.
Cando chegou a casa subiu rapidamente ao seu cuarto. Mentres se estaba poñendo o pixama, o rapaz mirou unha foto que tiña na mesiña de noite. Era de cando el tiña sete anos. Vestía a camiseta do seu equipo de fútbol. Pero Nuno non pensaba en como crecera desde entón, senón que só puido fixarse no escudo que levaba no seu peito. Un calafrío percorreu o seu corpo…

 
FIN

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s