Arquivo da categoría: Contos de amor

Quedamos ás nove

Antón Alexandre Pérez Vázquez

Quedamos ás nove
 

Coma tódolos días Fernando estaba desexando que chegaran as nove da noite para compartir aquela hora con ela. Era o momento máis feliz do día, cando rompía coa monotonía das súas tarefas cotiás. Ninguén enchía o seu corazón como o facía ela. Ao vela lembraba os momentos máis felices da súa vida.
Por fin chegou a hora. El xa levaba esperando uns dez minutos. Ela apareceu coma sempre puntual ás nove. Hoxe levaba unha chaqueta vermella que resaltaba os seu longo cabelo, negro coma o acibeche, que mantiña a mesma cor que cando a coñecera.
Xa chovera dende aquela! Cando ela se convertera no seu amor durante o mes de agosto duns quince anos apenas cumpridos. Ela viñera veranear á pequena vila mariñeira onde el vivía.
Pasaran vinte e cinco anos pero ela estaba igual. A súa faciana apenas cambiara. O seu sorriso era o mesmo. Semellaba máis moza do que realmente era, non aparentaba os trinta e nove anos que tiñan ámbolos dous.
Ao tela diante lembraba o acontecido aquel verán, cando acabada de chegar soa e sen amigos, naquela praia xuntouse con el e os seus . Compartiron conversas, solpores na praia, paseos poloa vila, películas no vello cine… Gustáronse, pero agosto estaba a piques de rematar.
A fin do verán marcou a fin da súa relación. Fernando sufriu nos seguintes meses. Non sabía onde atopala. Descoñecía o seu enderezo, o seu teléfono. Decidiu agardar ao seguinte agosto, pero ela non volveu.
Xa a esquecera, cando de súpeto, dous anos atrás, atopáraa de novo. Dende entón quedaba todos os días da semana, de luns a venres, entre as nove e as dez. Ninguén o sabía. Nin a súa familia, nin os seus amigos. Pero na súa casa estrañaba moito o seu cambio de comportamento nos dous últimos anos. Non entendían que quixese ver a soas o telexornal daquela canle que tanto aborrecía antes. A resposta era ela.
Un día máis o seu primeiro amor chegaba puntual coma sempre e comezou a presentar as novas do día.

 

Advertisements

O catasterismo do amor

Gabriel Lago Amado

O catasterismo do amor
 

Esta é a historia dun rapaz, un rapaz que se namora dunha moza e…
(1884, Noia, cidade galega, España)

—Estou xa canso de tanto ler e xogar. Xa teño 16 anos e sigo preso neste castelo.
—Pero señor Sael, non pode saír do pazo de Traba, se non xa sabe vostede o escándalo que sería. Xa bastante fixo seu pai, o rei Filipo, fechando a entrada ó xardín pola ponte para que puidese saír a dar un paseo de vez en cando.
—Mira ti canta libertade… —contestou con ironía.
Xa non aguantaba máis, así que foi a dar un paseo para ver se se tranquilizaba cando…
—Eih! Ti que fas nos xardíns do pazo? Non ves que está prohibido? dixo o rapaz entre enfadado e nervioso.
—Desculpa, só quería coller unha rosa desas tan bonitas que hai no xardín.
—Ah, ben!— Sael tranquilizouse e preguntoulle o seu nome.
—Eu son Xiana, son filla do panadeiro da vila.
—Eu son Sael, o fillo do rei.
—Un pracer.

Logo de se presentar foron dar un paseo, claro está, despois de darlle a rosa á fermosa rapaza. Pasara xa como media hora camiñando cando…
—Non che deu medo?
—Por que ías darme medo? Non es tan feo. —dixo en ton de burla.
—Boh! Non é por iso muller, é polo de ser príncipe e tal… —bisbou colorado o mozo.
—Ah, iso! A verdade é que nunca vira…
—Un monstro? —interrumpiuna nervioso o rapaz.
—Un príncipe. Ía dicir que nunca vira un príncipe.
—Non sabes canto me alegra oírche dicir iso. —esbozou un sonriso.
—Ha ha ha —ríu ela.
—Que foi?
—Nada oh, nada! Ha ha ha. Ben, teño que marchar que xa case é de noite e cómpreme non chegar tarde.
—Espera! —apresurouse a dicirlle o rapaz— Vas volver?
—Por suposto. Até mañá, Sael.
—Até mañá, Xiana.

A rapaza marchou e quedou alí o mozo, pensando. Como pode existir persoa tan fermosa na terra? Xiana, Venus, diría el. Nin que Eros lle bendicira. Definitivamente estaba namorado.
Esa noite foi durmir cedo pero non puido conciliar o sono. Estivo toda a noite pensando nela, nese anxo tan fermoso que lle roubara o corazón.
Ó día seguinte…
—Ola Xiana.
—Ola Sael. Que che pasa nos ollos?
—Nada, é que non durmín moi ben esta noite.
Deron un longo paseo cando, de súpeto, sen previo aviso, el agarrouna polo van e… bicouna.
—Que foi iso?
—Quérote, non, ámote. Es o amor da miña vida e… quero casar contigo.
—Non pensas que estás correndo moito?
—Non, meu pai vai regresar a Noia o vindeiro sábado e seguro lle fará ilusión o noso casamento.
—Non sei Sael, paréceme todo tan repentino…
—Non te preocupes —agarrouna polo van coa man esquerda mentres lle apartaba o pelo da cara coa dereita—, tratareite ben e vivirás como unha raíña, desas dos contos de fadas. Mira, cando te atopei, vinte alí, no xardín e, a túa beleza deslumbroume…
—Pero, Sael…
—Non sei que me pasa. —dixo case chorando— É a primeira vez que me namoro e non sei como expresar o que sinto. Sei que é moi repentino pero, por intentalo non pasa nada.
—Ha ha ha. —ríu timidamente Xiana– Vale.
—Que?
—Que si, que acepto.

Nese momento, no que se abrazaban, pasaba Xoel, o irmán de Xiana, polo outro lado da ponte, viu á súa irmá e, asustado, foille contar todo ó seu pai.
—PAPÁ!!!
—Que foi fillo?
—Un rapaz que vive no castelo está a forzar a Xiana. —contou fatigado o neno.
—Como a forzala?
—Estaba agarrándoa polo van e tirando dela por detrás da cabeza.
O pai, cheo de rabia e medo organizou unha xunta xeral cos veciños e, explicando a situación, propuxo un acto salvaxe, atroz…
—Temos que acabar cos que alí viven.
—Pero pensa o que dis Anxo, iso é unha loucura, e ademais como imos…
–O carallo Xoán. —dixo alporizado— Hoxe foi a miña filla, pero mañá pode ser a túa —sinalou a Xoán—, ou a súa —sinalou a outro dos alí presentes— ou a de calquera outro veciño. Eu penso que xa bateron bastante en nós.
Ó final conseguiu convencer a todos os veciños e, coas armas de labranza (forcas, trincheiras…), foron cara o castelo.

Cando chegaron ó castelo entraron como unha manada de bestas en plena estampida. Entraron arrasando con todo e todos. Aquilo foi unha das peores matanzas da historia. Cando chegaron ao cuarto do mozo, estaban alí os rapaces rindo e xogando coas canicas. Cando colleron o rapaz e o ataron á cama cunhas cordas, ela asustouse e comezou a berrar e chorar como unha tola. Mentres a sacaban de alí, prenderon lume nas cortinas e marcharon, deixando alí ó principiño.

Cando chegaron abaixo, o lume xa se estendera por todo o pazo e, de repente… Do castelo saíu unha estela de luz producida por unha pequena explosión, unha estela que se elevou até o ceo azul formando unha pequena constelación de estrelas con forma de “H” un pouco desproporcionada. Cando a viu, un sentimento de impotencia invadiu o corpo da adolescente que, posuída por un sentimento de culpa e tristura, guindouse ó río e alí, cando o seu corpo quedou inerte e sen vida, pasoulle o mesmo que ó príncipe: converteuse nunha estrela, nunha gran bola de luz que subiu ós ceos, ó lado do que ía ser o seu futuro marido.

Esta é a historia, a historia dun amor, dun amor que se catasterizou para sempre nunha constelación que hoxe coñecemos como Xémini ou Xemelgos.
 

Frecha de amor

Irene González Pais

Frecha de amor
 

Aínda que soamente a cantante Karina cría nas frechas do amor…, despois de oír esta historia, máis de un verá que Cupido si que existe.
A historia comeza nun lugar remoto da alta montaña leonesa, onde apenas seis veciños se reunían diante da cheminea que acendían nas longas tardes de inverno na casa do señor Pinziano.
As protagonistas eran as vellas historias contadas por aquelas sabias persoas e, sobre todo, os dous únicos nenos que vivían naquela aldea.
Os maiores coas súas tarefas, facían que estes dous nenos estiveran na maior parte do tempo xuntos. A adoración era mutua, non existían as pelexas entre eles, e aos dous lles encantaba a liberdade do campo.
Pasou o tempo, e o neno medrou, o seu futuro estaba alí, no campo; era a súa vida, tíñao clarísimo, todo aquilo facíao feliz. Porén, a nena, desexaba algo máis. O seu destino foi Salamanca. Ser xornalista era algo que sempre tivera na mente. Ela era intelixente e non lle resultou difícil rematar a carreira. Atopou traballo, primeiro, como becaria, e máis tarde, exerceu de corresponsal en varias cidades europeas.
O tempo transcorría, pero aquela xove moza non remataba de ser feliz, coñecía moitos países, xente de todos os xeitos, novas experiencias, das cales se sentía eternamente agradecida, por recibir, máis do que xamais imaxinara. Aínda así, había un oco no seu interior, e iso facía que a insatisfacción fose cada vez maior.
Chegaron as vacacións dun verán moi caloroso, a frescura daquel río que transcorría por aqueles campos xa case esquecidos dende a morte dos seus país, parecía ser necesaria para liberar o estrés acumulado durante estes últimos anos.
Fixo as maletas e, sen dubidalo, tras unha longa viaxe apareceu no pobo da súa infancia. Que sensación máis rara sentiu de súpeto!
Quen era aquela persoa que se atopaba no medio do prado segando a herba? Achegouse onda el, e eu creo, que naquel momento foi cando Cupido lanzou a frecha e aquilo non tivo remedio, fixo efecto ó momento; e a partir de aí xa vos podedes imaxinar…
Todas as noites, antes de ir durmir, doulle as grazas a Cupido por lanzar esa frecha de amor, a eses dous xoves, e así poder existir eu, Beltrán, e meu irmán Manuel, a miña mellor compañía.

 
FIN

Concurso de Contos de Amor

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizou un concurso de Contos de Amor durante o mes de Febreiro. Esta é a relación dos gañadores, por orde alfabética, xa que non houbo gradación non premios.

Irene González Pais, 1º ESO.
Gabriel Lago Amado, 4º ESO.
Antón Alexandre López Vázquez, 3º ESO.
Angel Maneiro Rodríguez, 3º ESO.

contos-de-amor_2016

Parabéns!
Axiña publicaremos aquí os contos.