Arquivo da categoría: Contos de medo

Contos de medo: 2º ciclo ESO – 2º Premio

Zayra García Rodríguez

Unha festa que ninguén quixo recordar
 

Achegábase o Samaín, e como era de costume por todos os rapaces, comezaron tamén as tardes enteiras sen saír da casa, os tremendos gastos das nais, non en materiais como teas ou fíos, senón máis ben en aperitivos e bebidas para os seus entregados fillos para ter un disfraz único. E como non, non pode faltar a enteira dedicación e a satisfacción de facelo un mesmo.

Como ía dicindo, tamén había moita xente comprando caramelos para que os grupiños de rapaces non lles encheran as casas de ovos e papel hixiénico, pero había un grupo de rapaces e rapazas en especial, un que non se aferraba aos típicos monstros desta época como son os zombies, demos, bruxas, homes-lobo… non. Eles eran diferentes e aínda que xa tiñan entre 16 e 17 anos, non perderan o seu neno interior, ou polo menos non o gardaran.

Estes decidiron facer un disfraz en conxunto para todos, e si, dixen un, porque a súa idea era facer un enorme traxe onde colleran eles cinco. Cada persoa tiña un papel que desenvolver, o máis decidido e valente poñeríase á cabeza, os máis mañosos nos brazos, e os máis áxiles nas pernas. Xa que era un proxecto difícil, habería que facer ocos nas extremidades para as cabezas.

Dúas noites antes da esperada festa os nosos amigos xa tiñan o seu monstro rematado e listo para saír a escena, non obstante o instituto aínda os tiña presos. Nun descanso que fixeron na clase de Química reuníronse os cinco para falar do percorrido que ían facer aquela noite, todos propuxeron ir ata unha casa un tanto vella, aínda que non moito, que se situaba no noroeste da cidade, preto dun vello aserradeiro. De súpeto, Willy preguntou , ao estar o camiño escuro e ser de noite, se poderían poñer nos ollos do seu terrorífico monstro unha especie de líquido fosforescente que brillaba na escuridade que podían conseguir facilmente. Todos estiveron de acordo e engadiron uns recipientes nos ocos dos ollos con ese estraño mexunxe dentro. Tíñanos que selar moi ben xa que o líquido era tóxico.

Por fin!!! A esperada noite chegou máis rápido do esperado. Todos os nenos da cidade que saían á caza dalgúns doces, felicitaban a aquel grupo de amigos que se sentían orgullosos da súa obra de arte. A media noite estaba cerca e a súa última parada sería a casa das aforas. A porta estaba entreaberta e os rapaces saudaban para ver se había alguén, …da nada, soou unha voz fráxil e doce que parecía estar perecendo dicir: …pasade rapaces… o voso disfraz é moi bonito e moi traballado… estaredes cansados de andar a pedir polas casas… pasade pasade, e acomodádevos no sofá…

O grupo de amigos sobresaltouse, pois non vían a ninguén! Nin nas escaleiras, nin no salón, na porta… ninguén! Miráronse uns aos outros e cando voltaron a vista, unha velliña facía sinais para que se acercaran.

Pronto comezou a tronar e os raios caían bastante cerca da casa, pasaran os minutos e eles sentíanse un pouco incómodos pola mirada desta peculiar muller. Charlaran bastante tempo sobre os seus estudos, as carreiras que querían estudar… en fin, o típico que che preguntan cando non che coñecen. Xa era moi tarde e os amigos despedíronse desta velliña que parecía ter algún escuro secreto agochado, pero que no fondo resultou ser moi agradable.
Antes de marchar podédesme facer un pequeno favor? Hai unha pequena serra de man no aserradeiro que me caeu na mudanza, e como son moi vella ese sitio é moi perigoso para min, podédesma coller? – preguntou a muller.

Os rapaces accederon sen problemas, pero o traxe enganchóuselles e tiveron que baixar así. O chan estaba cheo de aseillas e serras enormes e afiadas, pero non encontraron a serra de man, de súpeto, acendéronse as luces como por arte de maxia, pero non era maxia, outra vez a tormenta que os ameazara antes volvía con máis forza e un dos raios caera nos controis do aserradeiro.

Os nosos amigos tiñan os nervios a flor de pel, estaban exaustos, en shock, non se podían mover, porén coas últimas reservas de valor que lles quedaban intentaron saír de aí con ese molesto traxe.

Un dos raios alcanzounos e fixo verter aquel líquido tóxico e fosforescente sobre as súas caras, e xunto coa electricidade os seus corpos fundíronse co traxe deformándoos completamente e converténdoos no máis horrendo dos monstros.

A vella e a casa desapareceran misteriosamente de aqueles arredores. Correron e correron, caeron, pero non se detiveron indo cara as súas casas ,onde cada persoa que os vía gritaba de terror, fuxía, tirábanlles cousas, e eles indefensos non podían explicar quen eran, quen querían ser ou como identificarse xa que ese raio mortífero lles afectou na capacidade da fala.

Non lles quedou outro remedio que fuxir ata os confíns do mundo esperando a que se acabara aquel pesadelo, e que todo volvera á normalidade, pero non todo era de cor de rosa, e pasaron os anos e os anos… a súa cidade deunos por perdidos por culpa daquel monstro que os aterrara na que foi a peor noite de Samaín da historia.

Por temor a que volvera a pasar, os rapaces xa non ían de porta en porta disfrazados. Co paso do tempo creceron, así como a súa loucura e as ganas de “xogar” co resto de nenos. Ninguén máis o volveu celebrar e cada noite de Samaín, eles volvían á cidade e escribían ao pé dunha estatua: “Volverei o ano que vén…, saíde das vosas casas nenos… que vos quero contar unha historia de Samaín…”.

 
FIN

Contos de medo: 2º ciclo ESO – 1º Premio

Antón Pérez Vázquez

Sería un xogo …
 

Aquel día Nuno e os seus amigos falaban no recreo sobre que facer na noite do Samaín. Quedaba só un día e aínda non tomaran ningunha decisión.
Xa que non damos decidido que facer, polo menos podiamos ir escollendo onde quedar. Parécevos? – Dixo Xoán.
Axiña Xurxo propuxo:
– Podemos quedar na miña casa. Meus pais non están e temos todo para nós os catro.
Os seus tres amigos asentiron coa cabeza, pero Nicolás que era o máis medica dixo:
– A min paréceme boa idea, pero non quero facer o mesmo de sempre, ver películas de terror. Teño medo despois e non durmo ben o resto da noite.
Ao dicir isto Xoán, soltou unha gargallada e respondeulle:
– Está ben… pero entón que facemos para que sexa unha noite extremadamente terrorífica?
A ningún dos catro se lle ocorría que facer, ata que Nuno falou:
– Xa o teño! Podemos xogar a un xogo que me trouxeron meu tíos de Estados Unidos chamado Ouija. Seica é como se che contase historias de espíritos ou cousas así.
Ningún deles oíra falar antes daquilo, pero a falta doutra idea mellor aceptaron a proposta de Nuno. O timbre de final do recreo chamábaos para volver a clase, así que cada un foi para a súa mentres Xurxo lles lembraba:
– Mañán ás 7 na miña casa!
A tarde do 31 de outubro, antes de marchar cara a casa de Xurxo, Nuno subiu ao faiado e leu paseniñamente as instrucións do xogo para logo poderllas explicar aos seus colegas.
Faltaban tres minutos para as sete e os catro amigos xa estaban xuntos na casa de Xurxo. Tiñan ata ás doce para xogar a Ouija, a esa hora os pais de Xurxo volvían da cea na casa duns amigos e os pais dos outros tres pasaban a recollelos.
Seguindo as instrucións comezaron a preparar todo o que traía a caixa, e mentres o facían e tomaban unhas lambonadas, Nuno explicoulles como se xogaba e puxo o taboleiro enriba da mesa para que todos puxesen as súas mans sobre el. Nicolás foi o primeiro en facerlle unha pregunta á Ouija:
– Sacarei boas notas neste curso?
A resposta marcou un “si”.
Logo foi Nuno quen preguntou:
– Casarei co amor da miña vida?
O xogo tardou un pouco en responder, pero desta volta foi “non”.
A seguinte quenda foi para Xoán que, como era o máis atrevido, dixo:
– Dos que estamos aquí vai morrer alguén pronto?
A frecha que se movía polas letras do taboleiro fíxose esperar un bo cacho desta vez, pero ao final dixo…”si”
Nun primeiro momento ningún dos catro foi quen de artellar palabra. Aquilo parecía xa non ser un xogo tan inocente. De súpeto, os catro amigos soltaron á vez a mesma pregunta para a frecha:
– Quen?
Non pasaron máis de cinco segundos, pero para todos eles a espera pola resposta parecía non ter fin, semellaba eterna… Pouco a pouco a frecha comezou a ir de letra en letra. Primeiro o “e”, logo o “s”, daquel pasou ao “c”, e así ata que formou a palabra “escudo”.
Os catro repetiron ao unísono o que acababan de ver no taboleiro. Ningún era capaz de entender o que quería dicir aquela palabra. Do temor que sentiron nun primeiro momento foron pasando a certo alivio porque ningún deles se sentía sinalado por ela. Esqueceron o medo a morrer. Aínda así decidiron deixar o xogo e puxéronse a falar das súas cousas ata que chegou a hora de marchar.
De camiño á casa no coche Nuno ía pensativo e preocupado. Ás preguntas que lle facía seu pai respondía con monosílabos. Algo no seu interior lle dicía que tiña que desfacerse daquel xogo canto antes e a palabra escudo repetíase unha e outra vez no seu pensamento.
Cando chegou a casa subiu rapidamente ao seu cuarto. Mentres se estaba poñendo o pixama, o rapaz mirou unha foto que tiña na mesiña de noite. Era de cando el tiña sete anos. Vestía a camiseta do seu equipo de fútbol. Pero Nuno non pensaba en como crecera desde entón, senón que só puido fixarse no escudo que levaba no seu peito. Un calafrío percorreu o seu corpo…

 
FIN

Contos de medo: 1º ciclo ESO – 2º Premio

Paula Places Horta

Sopa enlatada
 

Unha ducia. Só pescaramos unha ducia, pero era máis que suficiente para a miña pequena familia. Os peixes revoltábanse na cesta mentres nós intentabamos chicar o bote que, coa oleaxe, estaba inundado. Xa era moi tarde,e só nos ilumiaba a luz da lúa. A gran marexada batía contra o Benito VI con todas as súas forzas. Decidimos ir atracar o bote e marchar para as nosas casas.
Quitei o chuvasqueiro e as botas e calcei os meus vellos zapatóns. Había frío, xa que era inverno. Despedinme de Francisco e comecei a camiñar cara a miña casa. A rúa estaba totalmente baleira. O forte temporal tirara co lixo das rúas e con varias árbores. Xa case chegara, unha curva máis e encontraríame na porta do meu fogar.
Xirei, pero de súpeto encontreime co meu tío Benito (grazas a el, que xa era maior, herdara o meu pequeno bote). Estaba moi arranxado para ser el; unha camisa branca e uns fastosos zapatos.
– Moi boas, Don Benito – dixen con educación- que gusto dá encontrarte por aquí!
– Boas, que tal o día rapaz? – dixo asomando a cabeza cara o meu cesto de peixe.
Eu, abrín a tapa para mostrarlle todo o que traballaramos durante o día.
– Miña nai, que tal pescastes meu fillo!! – dixo asombrado- ben, agora vai para a casa sen medo, merecedes un descanso. Ide tranquilos, oh!
– Iso farei Don Benito, ata mañá!
Cheguei ao meu fogar e axiña apreciei un gran cambio de temperatura. Notei que a miña nai encendera a cociña, e polo recendo imaxinei que estaba cociñando.
– Xa cheguei mamá! – dixen mentres camiñaba polo corredor.
– Antonio! – exclamou miña nai mentres se dirixía cara min para darme un bico.
Unha vez xuntos, fomos á cociña a tomar a sopa que ela me tiña preparada.
Estabamos sentados un frente a o outro , cando notei que o rostro da miña nai non asemellaba nada contento.
– Hoxe pescamos a cachón!- dixen eu para intentar animar o ambiente – , facía moi mal día, pero o bote resistiu. Por certo, vin ao tío Benito á volta da esquina! Estaba moi elegante…
– Antonio, non puido ser… o tío Benito , faleceu hoxe á maña…

 
FIN

Contos de medo: 1º ciclo ESO – 1º Premio

Irene González Pais

Terror na cama
 

Nunha aldea lonxana de cuxo nome non me quero acordar, había unha casa no medio do monte na que vivía un home malvado con un corvo negro que asustaba cos seus berros todas as noites.
Aquela casa tiña una horta inmensa con moitas árbores milenarias polas que non podía entrar nin un só raio de sol, habendo así una sombra que facía todo aquel terreo sospeitoso e, ó mesmo tempo, algo de moito interese para descubrir.
Ó fondo daquel extenso terreo atopábase un profundo pozo do que dicían que tiña una lenda misteriosa e que todo aquel que se achegaba a curiosear non viña de volta para contalo.
Un día os dous rapaces máis valentes do pobo do lado non podían descansar tranquilos con tanta curiosidade sobre aquel estraño home e o corvo daquel tenebroso bosque. Polo tanto, decidiron acudir e revelar todos os segredos que levaban tantos anos na boca da xente.
Saíron da casa sen que ninguén soubese nada. Valentes eran pero cando chegaron ó sitio tanto un coma o outro recuaron un pouco, pero de repente a valentía triunfou e alí se meteron sixilosamente no medio da penumbra.
Foron directamente ata xunta do pozo e sen saber por que alí lle apareceu o corvo, emitindo uns berros fortísimos. Rapidamente colleu a un dos rapaces coas súas garras pola camisa, ó outro deulle tempo de agocharse detrás do tronco dunha árbore e aínda que mexaba por si de medo, puido ver como se abría a tapa do pozo e alí dentro caía o seu mellor amigo. Os seus berros fixeron que un temblor de pánico percorrera todo o seu corpo e quedou sen alento cando veu que chegaba o vello malvado cun caldeiro na man.
O corvo pousouse no seu ombreiro satisfeito de terlle feito ben o traballo ó seu amo, e este abriu a tapa do pozo e meteu o caldeiro cunha corda dentro. E cal sería a miña sorpresa do que sacou… era un caldeiro cheo de sangue e centos de ollos bulideiros de todas as últimas persoas que caeran ó longo do tempo naquel pozo tan maquiavélico.
Resulta que non era un pozo de auga coma todos os demais, senón que era un pozo de sangue e cheo de ollos e ósos flotando en todo aquel manto vermello. O home botouse a todo o que había dentro do caldeiro e pegouse unha boa zampada; foi a súa cea.
Unha estraña dor de estómago apoderouse de min, e sen poder controlalo, todo canto tiña dentro, saíu disparado como se fose unha persoa posuída polo demo. No momento sentín alivio pero o medo quedou dentro ó descubrir que aquel non era un home estraño, era un vampiro con todas as letras, non acababa de crer todo o que acababa de ver. O misterio quedaba resolto.
Con toda a mágoa do mundo polo que lle pasou ó meu mellor amigo pero ó mesmo tempo contento por salvar a miña vida, mal como puiden saín de alí enganchando en toda rama canta había e dando patadas no cu de tanto que corrín, ata que cheguei á miña casa.
Espertei, suando de tanto correr, e cunha mexeira que chegaba dende o pixama ata o colchón, estaba todo empapado.
Vaia noite que pasei, espero non volver a ter outro pesadelo coma este nunca máis.

 
FIN

Premios «Contos de Medo»

O xoves 29 de outubro tivo lugar a entrega de premios do concurso de Contos de Medo para celebrar o Samaín no centro.

Este ano, os membros do Equipo de Normalización, todos eles de 4º da ESO, conformaron o xurado que decidiu cales eran os mellores premios e ademais entregaron os premios cunha ” performance ” moi especial e que metía medo…

xurado-medo-15

premios-medo-15

Esta é a xente que levou os premios:

Categoría ESO 1º Ciclo
1º premio: Irene González Pais
2º Premio: Paula Places Horta
Categoría ESO 2º Ciclo
1º Premio: Antón Alexandre Pérez Vázquez
2º Premio: Zayra García Rodríguez