Arquivo da categoría: Outras cousas

Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O pasado mércores 25 de novembro celebrouse o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con este motivo, o centro realizou diferentes actividades para informar e concienciar aos alumnos sobre o grave problema que está a sufrir a sociedade no tocante a este tema.

Entre as accións levadas a cabo, está a realización dun muro, feito con caixas de zapatos. Cada caixa tentaba transmitir unha mensaxe de reprobación á violencia de xénero e de apoio ás vítimas do maltrato. Os resultados foron asombrosos, destacou o esmero e participación mostrada por todo o alumnado.

A actividade culminou coa elección das mellores caixas, realizada por un xurado integrado por alumnos e profesores do centro. Os tres primeiros gañadores foron galardoados con tres fermosas camisetas proporcionadas pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Outra das actividades foi a elaboración de frases contra a violencia en pequenos fragmentos de cartolina. A capacidade creativa do alumnado resultou ser admirable, moitas destas oracións incitan a reflexión e consideración. Moitos dos alumnos xa realizaran, en cursos anteriores, proxectos relacionados co tema. Entre eles, destaca unha curtametraxe que ten como lema “Non sexas un convidado de pedra, actúa!” http://convidados.org/#ver-pelis. A curta céntrase nunha entrega de premios literarios contra a violencia de xénero, no que Paz, a protagonista, gaña o concurso cun caso de maltrato. Este resulta ser a súa propia historia, que se pon de manifesto, de forma ficticia, no escenario, ante a pasividade do público. A obra tenta chamar a atención do espectador para que, ante unha situación como esta, actuemos.

Con motivo deste día contra a violencia de xénero, decidimos realizarlle aos estudantes do centro varias cuestións sobre o tema.

A primeira pregunta efectuada foi: Participaches nas actividades propostas e desenvolvidas polo centro para este día? A maioría dos alumnos contan que participaron sobre todo na primeira actividade (realización das caixas de zapato con lemas). Relacionado con isto, tamén preguntamos sobre a participación que cren que houbo. A meirande parte comenta que houbo bastante participación aínda que outros cren que sendo un centro con gran número de alumnado, deberían ser máis os participantes.

Para futuras actividades e próximos anos, os enquisados, propuxeron outras posibles accións tales como charlas informativas, diálogos entre alumnos; para que entre ambos os sexos comparen e poñan en común ideas para erradicar a violencia. Ao mesmo tempo, botan en falta maior axuda e información para casos que se poidan estar a producir no centro. Tamén cren que este tema se tería que tratar máis a miúdo, e non só unha vez ao ano e, ao mesmo tempo, realizar actividades lúdicas como obras de teatro ou concursos de relatos para chegar a un maior número de persoas.

Logo, preguntámoslles sobre se pensan que é importante informar aos mozos e aos máis pequenos sobre este tema. Todos citan que é algo imprescindible, informar aos máis novos pode evitar futuros casos de maltrato.

A seguinte pregunta a realizar foi se cren que se dan casos de violencia de xénero no noso instituto. Están de acordo en que non teñen constancia de ningún caso, pero non descartan que existan comentarios e pequenas accións de ton machista que co paso do tempo poidan desencadear en casos máis graves.

Por último, preguntamos sobre a súa opinión persoal con respecto ao tema. A principal idea que teñen os alumnos e que todos somos iguais, homes e mulleres. Ningún xénero domina sobre o outro.

O maltrato é un problema social que nos concirne a todos, está nas nosas mans arrancar este mal que nos corrompe. Medidas como estas poden significar o cambio. Por iso, non sexas un convidado, actúa.

Luis Mayo Suárez
Antía Villar Nieto
1Bac-B

Charla de Carlos Callón

O xoves 19 de novembro de 2015 visitounos o escritor e político Carlos Callón. Nado en Ribeira, actualmente vive en Santiago de Compostela e traballa como profesor de lingua galega e portuguesa no C.P.I. Afonso VII de Caldas de Reis (Pontevedra). A visita tentaba ser un complemento da lectura obrigatoria “Como falar e escribir galego con corrección e fluidez”, que os alumnos de 1º de Bacharelato tiveron que ler na materia de Lingua e literatura galega na 1ª avaliación.

No encontro con Carlos, contou anécdotas persoais relacionadas cos prexuízos lingüísticos de moitos galegos (e non galegos) cara á lingua. Anécdotas como a da súa froiteira que lle reprochaba que o galego “sempre está a inventar palabras raras” (prexuízo) cando o problema non era ese (pois a palabra á que se refería a froiteira era a mesma que en castelán) senón o da ignorancia. Ou cando ía embarcar nun avión e a azafata lle pregunta en castelán “pasillo o ventana”, el responde “xanela”; á señora parece que non lle quedou moi claro, así que lle dixo “ventana?” e el, teimudo, respondeu “si, xanela”. Iso parece que incomodou bastante á azafata que o tomou como unha falta de respecto (falta de respecto?, non, PREXUÍZO!). Contou moitos máis casos reais relacionados coa lingua que fixeron o encontro moi ameno durante as dúas horas que durou. Algo que chamou moito a atención foi o que comentou sobre o presidente da Xunta, Feijóo, nada máis chegar ao poder, entre as medidas antigalegas que tomou foi a de retirar da televisión galega os Teletubbies en galego.

Foi unha charla moi didáctica na que os alumnos puideron preguntarlle dúbidas e charlar con el sobre política, lingua, prexuízos…. Por todo isto, as dúas horas pasaron voando e aínda tivo tempo para asinarlles libros aos rapaces que llo pediron.

charla_carlos-callon

Cine: “A praia dos afogados”

O alumnado de 2º de Bach saíu a Santiago para visualizar a versión cinematográfica da novela “A praia dos afogados” de Domingo Villar, que teñen como lectura voluntaria na materia de Lingua e Literatura Galega.

A novela, que foi moi exitosa no seu momento, serve de soporte para esta película rodada en Galicia e coa maior parte dos actores galegos.

Destaca no filme o tratamento que se fai das dúas linguas cooficiais, un aspecto que traballa o alumnado no apartado da Sociolingüística.

Cómpre dicir que todos saíron satisfeitos do cine.

 

 

RESEÑAS

A Praia dos Afogados

O pasado venres, 23 de outubro os alumnos de 2º de Bacharelato desprazámonos a Santiago, onde vimos a película “A praia dos afogados”, baseada no libro de Antón Villar.

Na miña opinión a película, en canto á historia que trataba, estivo bastante ben. Eu non lera o libro, e gustoume, xa que estivo en suspense ata o final, contiña misterio, e en canto a localización tiña paisaxes bastantes familiares. Aínda que hai que dicir que o que era a película e a súa elaboración era bastante simple. Opino que podería estar mellor.

Outra das cousas que chama á atención é o tema da lingua, que non todos falan en galego, e os que o falan non sempre o fan. Falan galego ou castelán dependendo da persoa coa que falen, ou usan unha fala ou a outra. Isto fai que a película chame a atención, e que pensemos un pouco sobre a situación da lingua, se nós en realidade facemos o mesmo.

Lidia París Novío, 2º Bac.

 

“A praia dos afogados” é unha película que se estreou no ano 2015 baseada no libro (de igual título) cuxo autor é Domingo Villar.

O que máis me chamou a atención foi o xogo que fixeron entre as dúas linguas, o galego e o castelán, xa que actualmente no cine non botan case ningunha película na nosa lingua e ademais reflexa a situación real que viven ou viviron cada unha desas linguas, por exemplo, ser o idioma galego o falado polos mariñeiros e o castelán polos policías, etc.

Por outra banda, persoalmente gústanme moito os filmes de intriga, e esta mantenche intrigado dende o comezo.

Tamén me pareceu interesante que as escenas foran rodadas en Galiza, nas rías e nas costas da nosa terra.

Por último decir que lle recomendo “A praia dos afogados” a aquelas persoas ás que lles gusten as películas mariñas e de intriga e tamén a aquelas persoas que queiran aprender galego.

Lara Atán Romero, 2º Bac.

 

O pasado venres día 23, os alumnos de 2º de bacharelato fomos a Santiago de Compostela ver unha película baseada nunha novela galega: “A praia dos afogados”. Iamos bastante ilusionados porque nos dixeran que o libro era moi interesante. Na miña opinión, todas as impresións que levamos foron boas posto que dende que comezou ata que rematou, nos mantivo atentos e intrigados. Penso que é unha película moi boa porque a parte de mostrar a actitude da xente galega, ten unha boa calidade en canto as escenas presentadas. É unha película que sabe como chamar a atención das persoas que están a vela. En definitiva, o que veu sende o filme, estivo moi ben. Cando rematamos, deixáronnos tempo libre –unha hora- que aproveitamos para pasear ou comprar no centro comercial: foi un día estupendo.

Soraya Blanco Antelo, 2º Bac.